Espectáculos
Sete Parroquias

Proxecto financiado polo Concello de Santiago, dentro do programa de axudas a Actividades Culturais para o Sector Profesional 2021.
Durante o mes de setembro de 2021, un equipo de actores e actrices, monicrequeiros/as e reporteiros/as, irá realizando un percorrido polas parroquias propoñendo unha serie de actividades e invitando aos veciños e veciñas á función “A cabeza do dragón”. En total serán 10 os centros cívicos de Santiago que formarán parte da nosa ruta, 5 do ámbito rural e outros 5 pertencentes a barrios do concello.
A iniciativa, que forma parte do programa de axudas a Actividades Culturais para o Sector Profesional 2021 do Concello de Santiago, consiste na realización dunha serie de representacións e obradoiros nos centros cívicos do concello, que se levarán a cabo en exteriores, dende un orixinal teatriño rodante: “Cachi-Móbil”.
Trátase dunha proposta que intenta fortalecer o tecido veciñal nos barrios da vila e no rural. Un circuíto de teatro de monicreques de carácter gratuíto e para todos os públicos, con actividades culturais e de inclusión social para rapaces, mozos e terceira idade.
As xeneralas da Ulla

Espectáculo de marionetas de madeira para todos os públicos sobre o Entroido da Ulla.
Dúas xeneralas e dúas correos percorren as rúas dacabalo dando vivas e facendo os seus atranques.
Atención, donas e cabaleiros, digan todos a unha voz:
Viva a xente da Ulla e toda a súa familia!
Viva!!!
Viva a xente que nos rodea e mira!
Viva!!!
Viva a música e siga!
Viva!!!
A cabeza do dragón

Adaptación para marionetas da obra de D. Ramón María del Valle-Inclán, “La cabeza del dragón”.
O Príncipe Verdemar é desterrado do seu fogar e, coa axuda dun trasgo falcatrueiro, terá que loitar contra bandoleiros e mesmo contra o terrible dragón que ten apresada a filla do Rey Micomicón para poder retornar triunfante a casa.
Camiño de aventuras

Xan Laranxal e a macaquiña Kiku presentan esta gran aventura que comezou hai cincocentos anos, máis ou menos, cando, nun lugar do camiño, Gaiferos se atopou co Demo, que o desafiou ao xogo da Oca.
Tivo sorte cos dados o peregrino e gañou a partida ao do inferno, quen andivo por todo o Camiño facendo despropósitos e maleficios para detelo.
Fío de lúa

Anaet é unha rapaza honrada e bela. Un día Vachagán, o príncipe herdeiro do trono, disfrázase para percorrer o reino sen ser recoñecido. Cando coñece a Anaet namórase dela ao instante e pídelle matrimonio, pero Anaet pensa que ser príncipe non é un oficio e que, en canto aprenda unha profesión, estará encantada de ser a súa compañeira. O príncipe aprenderá a ser tecedor e mestre bordador, percorrendo Oriente para estudar a arte dos tecidos.
Pero un desafortunado secuestro separará aos namorados. Vachagán confeccionará unha tea moi especial que esconde unha mensaxe de auxilio e será decisiva na vida da súa comunidade.
Cronopios

Baseada nos personaxes dos relatos de “Cronopios y Famas” de Julio Cortázar, creamos unha comedia de enredo que nos introduce no mundo do surrealismo do entramado social.
Así, da man destes curiosos seres, asistimos á creación dun mundo máxico, paralelo á sociedade actual, onde conviven Cronopios, Famas e Esperanzas.
Un espectáculo con máis de 40 monicreques que farán as ledicias do espectador.
A Barraca Camiño a Compostela

Nos meses de Xullo e Agosto de 2019, unha barraca-retablo de monicreques irá polo camiño representando a obra “Camiño de aventuras” con personaxes vinculados á tradición Xacobea, como Don Gaiferos, a Raíña Lupa, a Raíña Isabel de Castela ou o mesmo Demo Lucifer, entre outros.
En cada etapa do camiño, unha pequena exposición amosará diferentes marionetas e monicreques de personaxes vinculados á historia do camiño e informará das datas e lugares de representación.
Un obradoiro de “Monicreques no camiño”, ao inicio ou remate de cada función, completará as actividades da nosa barraca.
Achegádevos a vela!!!
Do, re, mi, Mozart xoga aquí

Espectáculo de marionetas de fío talladas en madeira, que locen os seus elegantes movementos nun retablo barroco. Unha invitación do emperador convoca ao neno Mozart a tocar en Palacio. Isto esperta a envexa e desconfianza do mestre de cámara que intentará impedir a celebración do concerto. Pero este neno, vivaz e alegre, o seduce coa súa xenialidade musical, incorporada nos seus xogos e quefaceres cotiáns.
O entroido dos animais

Divertida comedia musical inspirada na obra Le carnaval des animaux de Camille Saint-Saëns, onde veremos desde os animais de curral aos felinos, pasando polos seres acuáticos e os voadores.
Toda a fauna do mundo reunida nunha disparatada comedia onde cada un vaise disfrazar doutro animal. E así veremos ao león convertido en burro e ao cisne, nun elefante.
O libro da selva

Na espesura da selva, o malvado tigre Sherekan ataca a aldea dos homes. Mowgli, un rapaciño escorregadizo, escapa das poutas do tigre e busca refuxio na cova dos lobos, que pasarán a se converter na súa nova familia, coa que vivirá divertidas experiencias até que se teña que enfrontar, cara a cara, a Sherekan.