Espectáculos
Alicia no país das marabillas

Fantástica recreación para marionetas baseada no relato de Lewis Carrol “Alice in Wonderland”.
Conducidos polo coello branco, seguiremos con expectación as aventuras da pequena Alicia nese mundo onírico e fantástico que late debaixo da terra.
¡¡Olé, olé!!

Espectáculo cómico-musical de varietés baseado no folklore andaluz no que, da man de diferentes tipos de marionetas, asistimos a unha praza de touros e a un taboado flamenco, acompañados por turistas xaponeses.
Cu-cú, Tas-tás

ESPECTÁCULO PARA BEBÉS (de 6 meses a 5 anos)
Cu-cú, tas-tás, co revés imos xogar. Conceptos sinxelos de opostos.
Espectáculo visual e musical que intenta potenciar a capacidade de atención dos máis pequenos da casa.
Cucú Tastás é un trasniño que quere facer as cousas ben e non confundir cheo-baleiro, arriba-abaixo, preto-lonxe, pequeno-grande…
E a súa familia e amigos van axudalo a aprender.
Pinocho

Espectáculo infantil de títeres baseado no conto de Carlo Collodi Le aventure di Pinocchio. O famoso boneco construído por Geppeto vive as máis incribles aventuras para chegar a ser un neno de verdade, feito e dereito.
Catro contos da China

Insólitas aventuras que nos descobren un cómico e divertido mundo, agochado moi preto de nós e cheo de inquedantes situacións. A natureza, a amizade, os disparates humanos… Aprendizaxes e xogos realizados coa maxia do títere chinés.
A guerra das Galicsias

Unha divertida aventura interplanetaria do século XXI inspirada nas aventuras galácticas do século XX e nas tradicións máxicas, astrolóxicas, culturais e gastronómicas da nosa terra.
Marticia, atópase en alerta. As súas augas foron contaminadas cunha estraña sustancia que provoca os máis insólitos efectos nos seus habitantes. Detrás de estes sucesos atópase o malvado emperador de Omega, planeando unha invasión que só o amor e un pouco de maxia, ó seu debido tempo, poden impedir.
Xeado de lúa

Unha noite de lúa chea,
cando un feixe de estreliñas bailaban a muñeira,
un rato moi pequeno e distraído,
ollando a lúa quedou durmido.
O señor gato contemplaba
o mesmo redondo prato
e como este suxería comida,
mirou para o rato con moita alegría.
O Apalpador contra o ladrón de xoguetes

O Apalpador vén a visitarnos en compañía de todos os seus amigos, cunha nova e divertida aventura!
O ladrón Pasmón rouba todo o que pode e agora anda tras os xoguetes dos nenos e nenas do Courel… quen o impedirá?
Coñece esta trepidante continuación do espectáculo do Nadal
“A historia do Apalpador”
A historia do Apalpador

ESPECTÁCULO ESPECIAL NADAL
O Apalpador é un personaxe da tradición popular galega nado no Courel. Está ligado ás festas do Nadal e gústalle compartir connosco estes bonitos días. É un pastor mangallón e bo, de mirada doce e longas barbas coloradas que, co seu abrigo cheo de remendos e a grandes zancadas, percorre Galicia enteira.
Durante o ano fabrica carbón, vive dos froitos silvestres, caza xabarís, recolle mel e fai aparecer, coas pólas dos bosques e fragas, os xoguetes que as madeiras agochan. O 31 de decembro baixa aos pobos, visita aos nenos casa por casa e déixalles como obsequio castañas quentes e divertidos agasallos de madeira.