Taller adultos: “Do movemento ao monicreque coral”

Foto: Óscar Corral

Impartido por: Raquel Garabal e Pilar Pingarrón, membros da Cía. Nauta

Xoves 13 de outubro – De 16.00h a 20.00h – Espazo Paciencia (Rúa de San Pedro 9, Santiago de Compostela)
Información e inscricións en: info@nautateatro.com / 626289685 / 686809317

Duración:
 Un total de 4 horas, divididas en dúas sesións de dúas horas nun mesmo día
Dirixido a: Persoas maiores de 14 anos con interese polo teatro e desexo de investigar o traballo grupal e os principios básicos do teatro do movemento.
Nº de prazas: 20 máximo (mínimo de 6 prazas para poder realizar o taller)
Importe: 15 € (13 € venda anticipada)


Imprescindible traer roupa cómoda!

Todo é movemento e todo cambia. O teatro do movemento é aquel que se estuda e se analiza dende estas premisas. Observamos aquilo que nos rodea, analizamos o seu movemento – interno e externo – e o traducimos á escena. O movemento é tamén a diferencia entre o inerte e o vivo ou orgánico. O monicreque, o obxecto, son só cousas inertes pero que ao aplicarlles movementos son capaces de xerar a ilusión da vida. A maxia teatral comeza a partir desta ilusión.

Neste taller investigaremos o xeito de crear movemento a partir dos nosos corpos e como transmitilo ao obxecto de maneira colectiva. Desenvolveremos a escoita, a capacidade de observación e a dispoñibilidade do corpo, e aprenderemos a utilizar o noso corpo de maneira expresiva e creativa, investigando a formación do coro e a manipulación de obxectos en conxunto.

O curso contará con dúas sesións, sendo a primeira unha introdución aos principios do movemento en escena, desenvolvendo a escoita grupal e a investigación coral, e xerando dinámicas que nos levarán á manipulación dos obxectos na segunda parte. Nesta segunda parte estudaremos como traspasar o movemento ao monicreque, facéndoo cobrar vida animando cada unha das dúas partes. Investigaremos tamén como se poden xerar, cos nosos corpos e con diferentes obxectos, espazos nos que o monicreque poida interactuar e modificar a escena. Finalmente, acabaremos coa construción dunha pequena frase articulada na que poidamos tanto accionar cos obxectos como observalos dende fóra.


 

Galicreques 2022, Talleres 2022 |