Laboratorio de Obxectos

UNHA PROPOSTA DE ALBA GRANDE

Xoves 15, outubro de 11.00h  a 14.00h – Carpa da Alameda

Prezo: 20 €

Número de participantes: 8

Inscricións nos teléfonos: 981801237 / 605880858 / 667771147 e no email culturalbarrigaverde@gmail.com

Ver máis aló das súas formas. Comprender algo máis nas súas formas. Comprender en común algo máis nas súas formas: crear confidencialidade, un código común extraordinario, isto é, a partir do imaxinario común non explícito na vida ordinaria.

Observación. Estar en relación co ordinario e o extraordinario.

Unha introdución ao teatro de obxectos. Un contacto coa poesía dos obxectos, coas realidades que ocorren no simultáneo da vida, a través da observación, o xogo con obxectos, monigotes e da (des)composición dos nosos imaxinarios.

Pode que xogar de adultas con xoguetes xa non soe tan divertido coma cando eramos cativas. E se servira para localizar un vieiro co que chegar a unha parte profunda de ti mesma/o? Ou para activar os teus dons creativos a través da construción de imaxes e historias?

Cada participante trae 3 ou 5 obxectos, cos que teña algunha relación ou non, algunha relación de tipo práctica, ou utilitaria, ou emocional, ou mística. Tratar aquí de que as motivacións sexan diversas ao escoller os obxectos. Ademais, eu proporcionarei unha paisaxe miscelánea de obxectos. Tamén propostas de xogo que servirán para aquecer e establecer algúns códigos de xogo en común, que poden servir como detonadores e estruturas de referencia.

Con estes recursos preténdese suscitar a expresión particular de cada participante e acompañar durante as 3 horas de experiencia, as descubertas, as necesidades de xogo e a exposición persoal, que será opcional. No final do obradoiro cada persoa terá a oportunidade de ofrecer o seu instante de descuberta, algo do tempo de xogo ante o resto do grupo, que seremos o público.

Fai parte importante do conxunto da experiencia, aceitarnos como observadoras do máis aló das formas, como espectadoras de soños, ideas e sentimentos, e como asistentas das propostas doutras compañeiras se se requirise. A aprendizaxe estará no que cada quen se permita e porase de manifesto no transcurso do obradoiro ou se cadra, unha vez pasado…

EN QUE CONSISTE?

Propoño este obradoiro para compartir o que aprendín e comprendo do teatro visual e ao mesmo tempo, seguir aprendendo da experiencia de conectar as visións e xogos das persoas en grupo.

Aos quince anos entro na descuberta teatral xa da man dos monicreques de luva. Enseguida vin que este camiño era unha maneira de continuar o meu desexo de xogar, que desenvolvo e celebro dende cativa. Máis adiante descubro que ser titiriteira tamén é un oficio e decido aprender máis.

QUEN O OFRECE? ALBA GRANDE

O teatro de monicreques foi o que me ensinou as bases da actuación e da creación teatral, cómica particularmente. Quixen seguir aprendendo a través da formación en artes escénicas e outras experiencias formativas. Cursei os estudos de teatro xestual no Institut del Teatre de Barcelona e aquí, en distintos estilos de marionetas e actuación. Ademais outras formacións con moitas mestras das que hoxe sigo aprendendo como, Anxo García, Raquel Queizás, Rene Baker, Alfred Casas, Natacha Belova… E tantas compañeiras que non caberían agora mesmo ao nomear.

Nos últimos cinco anos, logo dos anos de escola e do proxecto escénico persoal, traballei como actriz en grupos e proxectos teatrais e audiovisuais de pequeno formato. Actuei con clowns sans frontieres en Bélxica, escribín guións cómicos de microteatro, abrín obradoiros de expresión corporal, improvisación, teatro. E especialmente, nos dous últimos anos, enfocados a promover estes tipos de teatro visual, expresión con obxectos, sombras, monicreques e marionetas.

Ocorreron en variados espazos e principalmente no Centro Social Autoxestionado Casa Colorida no concello de Nigrán, onde a través de dinámicas de participación popular, xerouse un espazo de laboratorio e escola. Actualmente establecemos un pequeno grupo de aprendices de teatro de monicreques de cachaporra na zona de Vigo.

IMPARTE: ALBA GRANDE
ALBAGRANDE@RISEUP.NET


 

Save

Save

Save

Save

Save

Cursos 2020, Galicreques 2020 |