Teatriños para títeres de dedo-Carmen Domech
Un espazo escénico para os monicreques de dedo.
Quen non se pintou dous ollos e unha boca na xema dun dedo e xogou a que era un personaxe alleo ao seu corpo?
Os monicreques de dedo son un dos xoguetes preferidos dos máis pequenos. A súa sinxeleza, forma e tamaño fan que sexan moi fáciles de manipular e poidan ter unha morea de personaxes nas súas mans.
Cun universo nos seus dedos, mesturan as historias máis fantásticas no seu mundo cotián.
A cociña pódese converter no laboratorio do científico Quelisto ou onde a bruxa MalvaRosa fai as súas apócemas e meigallos. O baño, na nave espacial da intrépida Estelalonxe, e así toda a casa.
Isto é marabilloso, axúdalles a coñecer o seu mundo, e así mesmo fomenta a imaxinación, a linguaxe, a comunicación, a creatividade e moitas cousas máis. Todo dun xeito divertido, vivencial e pracenteiro.
Pero tamén é importante desenvolver unha historia nun espazo escénico preparado para tal fin.
Diálogos, entradas e saídas de personaxes, o posible attrezzo necesario enmarcándoo nun teatriño. Unha caixa máxica onde fabricar historias, aínda que sempre poidan saír os personaxes para aventurarse polos arredores.
A proposta desta exposición é animar aos cativos a crear o seu propio teatriño (coa axuda dos seus maiores, se a precisan).
Case todos os monicreques que vedes están comprados en distintos lugares. Pero os teatriños están feitos a partir de cousas que tiña na casa: caixas de zapatos, arquivadores vellos, cadeiras rotas, botes de diferentes produtos, etc. que, con pinturas, teas e todo tipo de cousas para a súa decoración, transformáronse en retablos para ter o marabilloso mundo do teatro ao alcance da man.
Animádevos a construír o voso propio teatriño e a gozar cos monicreques!
0 Comentarios