China e a súa contorna
As creacións dos titiriteiros chineses gardan unha das máis antigas e mellor conservadas tradicións do teatro e, ao mesmo tempo, asombran pola súa minuciosidade e beleza. Talvez por iso seguen atraendo misteriosamente a todos os que caen baixo a súa mirada.
Así foi como lles ocorreu a Jorge Rey e Carmen Domech, alá polos anos 90, cando chegou ás súas mans o primeiro títere chinés desta colección. Dende aquela, foron máis de dez anos investigando e xuntando bonecos ata chegar ás máis de setenta pezas que compoñen hoxe esta exposición que se presentou por primeira vez ao público no marco do IX Festival Internacional de Títeres Galicreques.
Esta mostra recolle títeres, marionetas e sombras chinesas que ilustran diferentes técnicas e xéneros do teatro oriental así como unha panorámica do teatro de bonecos dos países do seu entorno: Tailandia, Vietnam, Myanmar, La India, Sri Lanka, Indonesia e Taiwán. A súa intención é achegar ao público esta arte milenaria, conservada sen dúbida grazas á enorme importancia deste tipo de representacións no país e ao labor das grandes familias de titiriteiros.
Ao mesmo tempo, pretende ser unha fiestra aberta dende a que coñecer algo máis desta distante cultura a través dos personaxes que representan as súas historias e entreteñen ás súas xentes dende tempos inmemoriais.
Descargar folleto:
folleto Títeres China galego exterior
folleto Títeres China galego interior
Deixa o teu comentario
0 Comentarios