Exposicións
Biblioteca de Libros Fantásticos-Carmen Domech
Os libros desta biblioteca tolearon. A todos lles ocorren cousas estrañas e misteriosas. Cada un ten unha historia que contar, como todos os libros do mundo, pero estes libros decidiron transmitila dun xeito diferente; por iso se converteu en barco o libro que recolle os relatos do mar, medroulle unha maceira ao que conta como naceron as palabras, quedou atrapado nunha arañeira un pequeno libro aventureiro… e así, un tras outro, vannos amosando as súas historias nesta biblioteca chea de fantasía.
Teatriños para títeres de dedo-Carmen Domech
Un espazo escénico para os monicreques de dedo.
Quen non se pintou dous ollos e unha boca na xema dun dedo e xogou a que era un personaxe alleo ao seu corpo?
Os monicreques de dedo son un dos xoguetes preferidos dos máis pequenos. A súa sinxeleza, forma e tamaño fan que sexan moi fáciles de manipular e poidan ter unha morea de personaxes nas súas mans.
Teatriños de papel-Carmen Domech
Nesta exposición recóllese unha ampla mostra de teatriños de papel en tres dimensións que recrean algunhas das máis famosas obras da literatura universal. Poderás atopar a Aladino e a lámpada marabillosa, Alicia no país das marabillas, Alí Babá e os 40 ladróns, Carapuchiña Vermella… con personaxes, vestiario, decorados e outros elementos de atrezo.
Títeres de África
No continente africano, o teatro tradicional de marionetas é unha arte viva e atractiva que, coa súa gran capacidade de mobilización, se revela como garantía da unidade e da cohesión nos medios rurais, mantendo a paz e o equilibrio social.
Esta práctica engloba os sistemas tradicionais de organización, a escultura, a música, as tradicións orais e a danza. A actividade titiriteira implica a toda a comunidade sen distinción de clase social ou sexo.
China e a súa contorna
As creacións dos titiriteiros chineses gardan unha das máis antigas e mellor conservadas tradicións do teatro e, ao mesmo tempo, asombran pola súa minuciosidade e beleza. Talvez por iso seguen atraendo misteriosamente a todos os que caen baixo a súa mirada.
25 Aniversario de Títeres Cachirulo
Unha viaxe a través das montaxes máis significativas da compañía na que se poden apreciar espectáculos realizados con diferentes técnicas de construción e de manipulación: marionetas de fío como as de “Ubúe no Outeiro” (1985), monicreques de variña inspirados en cadros de Pablo Picasso en “A Bela e a Besta” (1988), marotes e bunrakus con diferentes materiais de reciclaxe como as de “Noite de verán” (1990), grandes repartos como en “A illa do tesouro” (1995), monicreques de luva e variña en “El-rei Artur e a abominable dama” (2001), sombras chinesas en “Cousas de Castelao” (2003), marionetas ao estilo belga en “A pedra que arde” (2004) ou traballos máis recentes como as marionetas de mesa construídas en tea de “A Historia do Apalpador” (2009).