Espectáculos
O Apalpador contra o ladrón de xoguetes
O Apalpador vén a visitarnos en compañía de todos os seus amigos, cunha nova e divertida aventura!
O ladrón Pasmón rouba todo o que pode e agora anda tras os xoguetes dos nenos e nenas do Courel… quen o impedirá?
Coñece esta trepidante continuación do espectáculo do Nadal
“A historia do Apalpador”
A historia do Apalpador
ESPECTÁCULO ESPECIAL NADAL
O Apalpador é un personaxe da tradición popular galega nado no Courel. Está ligado ás festas do Nadal e gústalle compartir connosco estes bonitos días. É un pastor mangallón e bo, de mirada doce e longas barbas coloradas que, co seu abrigo cheo de remendos e a grandes zancadas, percorre Galicia enteira.
Durante o ano fabrica carbón, vive dos froitos silvestres, caza xabarís, recolle mel e fai aparecer, coas pólas dos bosques e fragas, os xoguetes que as madeiras agochan. O 31 de decembro baixa aos pobos, visita aos nenos casa por casa e déixalles como obsequio castañas quentes e divertidos agasallos de madeira.
As xeneralas da Ulla
Espectáculo de marionetas de madeira para todos os públicos sobre o Entroido da Ulla.
Dúas xeneralas e dúas correos percorren as rúas dacabalo dando vivas e facendo os seus atranques.
Atención, donas e cabaleiros, digan todos a unha voz:
Viva a xente da Ulla e toda a súa familia!
Viva!!!
Viva a xente que nos rodea e mira!
Viva!!!
Viva a música e siga!
Viva!!!
A cabeza do dragón
Adaptación para marionetas da obra de D. Ramón María del Valle-Inclán, “La cabeza del dragón”.
O Príncipe Verdemar é desterrado do seu fogar e, coa axuda dun trasgo falcatrueiro, terá que loitar contra bandoleiros e mesmo contra o terrible dragón que ten apresada a filla do Rey Micomicón para poder retornar triunfante a casa.
Camiño de aventuras
Xan Laranxal e a macaquiña Kiku presentan esta gran aventura que comezou hai cincocentos anos, máis ou menos, cando, nun lugar do camiño, Gaiferos se atopou co Demo, que o desafiou ao xogo da Oca.
Tivo sorte cos dados o peregrino e gañou a partida ao do inferno, quen andivo por todo o Camiño facendo despropósitos e maleficios para detelo.
Fío de lúa
Anaet é unha rapaza honrada e bela. Un día Vachagán, o príncipe herdeiro do trono, disfrázase para percorrer o reino sen ser recoñecido. Cando coñece a Anaet namórase dela ao instante e pídelle matrimonio, pero Anaet pensa que ser príncipe non é un oficio e que, en canto aprenda unha profesión, estará encantada de ser a súa compañeira. O príncipe aprenderá a ser tecedor e mestre bordador, percorrendo Oriente para estudar a arte dos tecidos.
Pero un desafortunado secuestro separará aos namorados. Vachagán confeccionará unha tea moi especial que esconde unha mensaxe de auxilio e será decisiva na vida da súa comunidade.
Zooparque Fantástico
Xiana e Xoel presentan un sorprendente mundo de seres extraordinarios no que se poden apreciar as diferentes especies, mariñas, terrestres e voadoras, que forman esta incrible atracción (entre atracción de feira e arte contemporánea) que será difícil de esquecer. Xunto ás grandes figuras aparecen pequenos seres que habitan en caixas máxicas ou monstros que saen dunha maleta, que nos traen lembranzas de personaxes mitolóxicos e dos petróglifos galegos.
O Tesouro da nosa vila
Proxecto financiado pola Deputación da Coruña, dentro do programa de subvencións para a produción de Proxectos Singulares de especial interese cultural na provincia da Coruña 2022.
Cronopios
Baseada nos personaxes dos relatos de “Cronopios y Famas” de Julio Cortázar, creamos unha comedia de enredo que nos introduce no mundo do surrealismo do entramado social.
Así, da man destes curiosos seres, asistimos á creación dun mundo máxico, paralelo á sociedade actual, onde conviven Cronopios, Famas e Esperanzas.
Un espectáculo con máis de 40 monicreques que farán as ledicias do espectador.
A Barraca Camiño a Compostela
Nos meses de Xullo e Agosto de 2019, unha barraca-retablo de monicreques irá polo camiño representando a obra “Camiño de aventuras” con personaxes vinculados á tradición Xacobea, como Don Gaiferos, a Raíña Lupa, a Raíña Isabel de Castela ou o mesmo Demo Lucifer, entre outros.
En cada etapa do camiño, unha pequena exposición amosará diferentes marionetas e monicreques de personaxes vinculados á historia do camiño e informará das datas e lugares de representación.
Un obradoiro de “Monicreques no camiño”, ao inicio ou remate de cada función, completará as actividades da nosa barraca.
Achegádevos a vela!!!