A compañía
Creada en 1985 Cachirulo caracterízase por unha rica produción de espectáculos que combina textos clásicos con autorías propias dunha gran variedade técnica: marionetas de fío, luva chinesa, bunraku, monicreque, sombras, obxectos e teatro de rúa.
As súas obras percorreron os escenarios de numerosas programacións e festivais internacionais de Europa e América obtendo importantes premios.
A compañía Títeres Cachirulo inicia a súa actividade co espectáculo “Ubu no outeiro” de Alfred Jarry, unha coprodución que realiza xunto co Centro Dramático Galego.
Ao longo dos anos, Cachirulo realizou máis de 35 montaxes combinando textos clásicos con autorías propias dunha gran variedade técnica: marionetas de fío, luva chinesa, bunraku, guiñol, sombras, obxectos e teatro de rúa, destacando espectáculos como “Pinocho”, “Camiño de aventuras” ou “Do, re, mi, Mozart xoga aquí”, Premio ao Mellor Espectáculo de Marionetas no 4° Festival Iberoamericano de Teatro “Cumbre de las Américas” (Arxentina, 2008).
Cachirulo caracterízase por ter realizado un importante traballo de creación e investigación con mestres do teatro de monicreques como Francisco Peralta (España), Yang Feng (China), Guaira Castilla (Arxentina) ou Chris Geris, da compañía belga Plansjet.
Ademais desta actividade de creación e de presentación de espectáculos, a compañía abre en 1997 a Sala Yago de Santiago de Compostela, que permanece en funcionamento ata o 2007, cunha programación estable de teatro de monicreques e marionetas, á que posteriormente se incorporaron o teatro e as proxeccións cinematográficas. Así mesmo, a Sala Yago, galardoada co Premio Max de las Artes Escénicas 2003 na categoría de Teatro Alternativo, serviu como plataforma para o desenvolvemento de diferentes proxectos de formación e difusión, entre eles a edición da revista Bululú, da que se chegaron a editar 7 números, sendo unha das máis destacadas publicacións especializadas en teatro de monicreques.
A partir de 1996, Cachirulo crea a Asociación Cultural Barriga Verde de Santiago de Compostela, a través da cal xestiona e dirixe o Festival Internacional de Teatro de Títeres Galicreques. Trátase dun evento no que participan ao redor de 20 compañías de diferentes países, con exhibición de espectáculos, exposicións, mesas de debate, talleres de construción e cursos de formación para profesionais e afeccionados do mundo da marioneta e o monicreque.
A asociación tamén crea o Premio Barriga Verde de Textos de Teatro de Títeres, que convoca todos os anos AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), en dúas modalidades, un premio para teatro infantil e outro para adultos.
Carmen Domech, membro da compañía, ten participado en diferentes publicacións dentro do ámbito da animación á lectura, destacando as obras “Ochenta actividades para educar lúdicamente en valores y ciudadanía” ou ” Te trueco un cuento. Animación a la lectura e interculturalidad “.
Actualmente, Títeres Cachirulo organiza unha programación estable de teatro de monicreques todos os fins de semana no espazo Fundación SGAE de Santiago de Compostela e alterna as súas representacións de monicreques coa participación en numerosas programacións e festivais internacionais de Arxentina, Colombia, Ecuador, México, Brasil, Turquía, Francia, Portugal, Austria, etc.