![]() |
PRESENTACION Os libros desta biblioteca tolearon. A todos lles ocorren cousas estrañas e misteriosas. Cada un ten unha historia que contar, como todos os libros do mundo, pero estes libros decidiron transmitila dun xeito diferente; por iso se converteu en barco o libro que recolle os relatos do mar, medroulle unha maceira ao que conta como naceron as palabras, quedou atrapado nunha arañeira un pequeno libro aventureiro… e así, un tras outro, vannos amosando as súas historias nesta biblioteca chea de fantasía. |
|---|
|
Esta exposición conta con máis de cincuenta libros tratados plasticamente para que nos evoquen as historias de cada un deles. Cada libro acompáñase dun texto que narra o que lle aconteceu. A mostra recibe o nome “Biblioteca de Libros Fantásticos” porque utilizamos a fantasía para crear as pezas que a compoñen. Intenta abrir unha porta ó fértil terreo da imaxinación. Animar aos visitantes a que inventen as súas aventuras arredor destes libros e fantasíen co que pode agardar tras os lombos dun libro do estante da súa biblioteca. Tanto ao crear e contar historias, como ao plasmalas a través das artes plásticas, poden ser as historias as que provoquen a metamorfose do libro ou o libro animado o que evoque unha historia, unha anécdota, unha aventura… Os libros fantásticos son o resultado dun extenso traballo no mundo da narración oral e da animación á lectura, concibidos coa intención de achegar o obxecto-libro baixo unha mirada aberta que esperte a imaxinación.
Animar ou incitar a ler é introducirse nunha nova aventura na que cada persoa se converte en protagonista, a partir da identificación cos personaxes de ficción. A animación á lectura consiste, pois, en propoñer o achegamento e o afondamento nos libros, dunha forma creativa, lúdica e pracenteira.
|
|


