Taller de Teatro de Sombras

Impartido por: Javier Peraza (Compañía Títeres Cachiporra. Uruguai)
Duración: 16 horas
Datas: do martes 4 ao venres 7 de outubro
Horario: de 9:30 h a 13:30 h
Lugar: Arteria Noroeste
Rúa das Salvadas, 2A. Parque Vista Alegre -15705 Santiago de Compostela
Prezo: 75 €
Prezo reducido (socios de UNIMA): 60 €
Prazas: 15 persoas


Presentación:

As sombras son, sen lugar a dúbidas, unha das técnicas máis antigas da arte dos monicreques.

Di Javier Villafáñez que seguramente as sombras se inventaron cando o home primitivo comezou a xogar coa sombra do seu corpo proxectada nas paredes das cavernas.

O certo é que dende hai miles de anos os titiriteiros contan historias proxectando sombras nunha pantalla. Antigamente, usando como fonte de luz o lume, nos nosos días, usando todas as posibilidades técnicas que nos ofrecen as novas tecnoloxías de fontes de luz.

Cando asistimos a un espectáculo de sombras non podemos subtraernos da maxia que provoca nos espectadores, non obstante, trátase dunha técnica máis das tantas que nos ofrece o teatro de “animación”.

Cando coordinamos un taller de sombras intentamos dúas cousas: transmitir o resultado dunha investigación técnica de moitos anos e, o máis importante, internarnos nas dificultades dramáticas do teatro de sombras.

O taller é eminentemente práctico. Traballar sobre unha idea breve de espectáculo. Como levar esa idea á área do teatro de sombras. Como guionizalo, como deseñalo, construílo e actualo.

O teatro de sombras, como todas as técnicas de monicreques, ten áreas específicas onde se move mellor. O grotesco, coa luva; o drama, co monicreque de vara; o teatro negro, coa máxica transformación e o teatro de sombras, coa poesía.

Contidos:

O programa desenvolverase cronoloxicamente do seguinte modo:
1) Información sobre o teatro de sombras, en particular sobre as súas posibilidades técnicas.
2) Formulación, por parte dos participantes, de breves ideas con posibilidades de ser representadas en teatro de sombras.
3) Conformación de grupos que abordarán a resolución desas ideas.
4) Guión, deseño plástico e construción.
5) Traballo de manipulación e actuación co obxectivo de xerar un borrador das ideas de breves espectáculos.
6) Presentación destes e intercambio de ideas sobre os resultados.


Descargar Formulario de Inscrición (Documento de Microsoft Word. 75 Kb)

Información sobre matrícula e inscricións

Cursos |