“Títeres y titiriteros”. La Construcción de un oficio

Nesta exposición, o público pode ver máis dun centenar de bonecos que protagonizaron algunhas das 46 producións que presentou a compañía ao longo da súa extensa traxectoria, dende os primeiros monicreques que conserva, como “Max e Moritz” (1984), aos das montaxes máis actuais: “El poeta y Platero”, “Don Quijote en la graciosa aventura del titerero” ou “El libro de los gorriones”.

Unha parte moi importante desta mostra constitúea o material (monicreques, escenografías, cadernos didácticos…) pertencentes aos espectáculos creados por Teatro Arbolé para as quince campañas “La Escuela va al teatro” que organizou para toda España e que obtiveron unha cifra que se aproxima ao millón de espectadores nestes últimos quince anos.

Na mostra están presentes tamén os retablos de célebres obras como “Se busca lobo para Caperucita”, “Los ibeyis y el diablo” ou “Los títeres de cachiporra”. Non falta a esta cita Pelegrín nas súas múltiples versións, dende o primeiro boneco orixinal, que xa ten 27 anos, ata ás súas formas máis recentes. Tamén acudiron a esta mostra os personaxes de “Goya, el último disparate”, “El caballero negro” ou “Pelegrín y los piratas”.

Con esta exposición, que reúne diversas técnicas do mundo do monicreque, Arbolé pretende activar a memoria das súas tres décadas de existencia. Quere recordar as persoas e os personaxes que rodearon este marabilloso mundo do teatro para monicreques, e ter presentes a viaxe e todas as súas etapas, dende as máis tradicionais ás máis vangardistas.

Arteria Noroeste. Rúa das Salvadas, 2A. Parque Vista Alegre. 15705 Santiago de Compostela
Do 22 de setembro ao 26 de outubro

Exposicións |