De Carmen Domech
Os libros desta biblioteca tolearon. A todos lles ocorren cousas estrañas e misteriosas. Cada un ten unha historia que contar, como todos os libros do mundo, pero estes libros decidiron transmitila dun xeito diferente; por iso se converteu en barco o libro que recolle os relatos do mar, medroulle unha maceira ao que conta como naceron as palabras, quedou atrapado nunha arañeira un pequeno libro aventureiro… e así, un tras outro, vannos amosando as súas historias nesta biblioteca chea de fantasía.
Esta exposición conta con máis de cincuenta libros tratados plasticamente para que nos evoquen as historias de cada un deles. Cada libro acompáñase dun texto que narra o que lle aconteceu.
A mostra recibe o nome “Biblioteca de Libros Fantásticos” porque utilizamos a fantasía para crear as pezas que a compoñen. Intenta abrir unha porta ó fértil terreo da imaxinación. Animar aos visitantes a que inventen as súas aventuras arredor destes libros e fantasíen co que pode agardar tras os lombos dun libro do estante da súa biblioteca.
Tanto ao crear e contar historias, como ao plasmalas a través das artes plásticas, poden ser as historias as que provoquen a metamorfose do libro ou o libro animado o que evoque unha historia, unha anécdota, unha aventura…
Os libros fantásticos son o resultado dun extenso traballo no mundo da narración oral e da animación á lectura, concibidos coa intención de achegar o obxecto-libro baixo unha mirada aberta que esperte a imaxinación.
Animar ou incitar a ler é introducirse nunha nova aventura na que cada persoa se converte en protagonista, a partir da identificación cos personaxes de ficción. A animación á lectura consiste, pois, en propoñer o achegamento e o afondamento nos libros, dunha forma creativa, lúdica e pracenteira.
Pero ler non se limita a descifrar os caracteres impresos: é unha fiestra aberta á reflexión, á comunicación e á interacción. Ler lévanos a compartir sensacións, pensamentos, experiencias e a proxectar as nosas inquietudes e os nosos soños. E é desde ese mundo interior, o dos soños e a fantasía, desde onde quixemos achegarnos mostrando que os libros son obxectos cheos de maxia sobre os que cada un crea o seu propio relato e escribe o seu propio libro.
A “Biblioteca de Libros Fantásticos” participou en diversos proxectos culturais tendo unha boa acollida por parte do público.