Premio Galicreques 2021

O Premio Galicreques concédese a unha entidade, persoa ou compañía polo seu labor no mundo dos monicreques a través de proxectos que, aínda que no seu comezo puidesen parecer disparatados e efémeros, acabaron sendo soños conseguidos que nos favorecen a tod@s @s amantes das marionetas.
—–

Este ano 2021 o galardoado é “Os Monicreques de Kukas. Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas) e Isabel Rey fundadores dunha das compañías pioneiras no resurximento do teatro de figuras e monecos en Galiza.

Compañía recoñecida dentro e fóra das nosas fronteiras cun rico repertorio escénico que foi compaxinando textos propios e clásicos, así como o desenvolvemento dunha estética persoal e a creación de novas formas de entender a construción da marioneta como un ente vivo da escena.

Polas súas producións pasaron moitas persoas que adquiriron xunto a eles o bo facer desta arte escénica. Un dos seus máis recentes proxectos é a creación dun centro estable para o teatro de monicreques, “A casa dos Monicreques”, onde albergar o seu legado, servir como plataforma para a nova produción e difusión do teatro de bonecos, figuras e obxectos, un espazo que coide do pasado e proxecte o futuro dunha expresión artística que eles contribuíron a dignificar e fortalecer.


Galicreques 2021, Premio Galicreques, Últimas edicións |