O Premio Galicreques concédese a unha entidade, persoa ou compañía polo seu labor no mundo dos monicreques a través de proxectos que, aínda que no seu comezo puidesen parecer disparatados e efémeros, acabaron sendo soños conseguidos que nos favorecen a tod@s @s amantes das marionetas.
—–
Teatro de Marionetas La Estrella, máis de 40 anos de amor e traballo polo teatro de monecos. Gabriel Fariza e Maite Miralles, creadores que mesturando a filosofía do teatro independente coas artes plásticas nos apaixonaron con máis de trinta propostas ao longo destes anos. Unha compañía que foi quen de levar adiante proxectos que contribuíron á consolidación do teatro de monicreques. Tanto a Sala Cabanyal como Sala a Petxina son unha mostra dunha labor que hoxe continua.
Estiveron nos inicios dos programas de TV como “Barrio Sésamo” ou “La Cometa Blanca”, e percorreron co seu teatro de marionetas todos os festivais da península e máis alá.
Gabi e Maite souberon compaxinar compromiso e bo facer no teatro de bonecos en todos estes anos: programación escolar, familiar, cursos, publicacións, festivais. Esta construción de ilusións foi quen de emprender unha aventura detrás doutra, de frear xunto a elenco, fillos e veciños a demolición dun barrio “O Cabanyal” de Valencia.
Fai pouco máis dun ano que Gabi marchou de xira entre as estrelas que alumean no ceo.
Maite e Gabi teñen esa grandeza que hoxe nos ilumina a todos, mulleres, homes e rapazada que forman esta gran familia do Teatro de Monicreques.