Premio Galicreques 2018


O Premio Galicreques concédese a unha entidade, persoa ou compañía polo seu labor no mundo dos monicreques a través de proxectos que, aínda que no seu comezo puidesen parecer disparatados e efémeros, acabaron sendo soños conseguidos que nos favorecen a tod@s @s amantes das marionetas.

No 2018 o premio é para a compañía de Euskadi “Panta Rhei” con máis de 30 anos de traxectoria nos que foron investigando na relación do actor co personaxe animado, tanto no teatro de obxectos como nas máis diversas técnicas: bunraku, marionetas, monicreques, sombras, etc.
Idoia Ayestarán Aristoi e Emilio Fernández de Pinedo, os directores da compañía, xa iniciaran a súa andaina teatral con bonecos no 1983 formando parte da mítica Cooperativa Teatral Denok ou Teatro Órdago, e dende entón o seu compromiso artístico e profesional foi total, tanto na formación coma na creación de espectáculos comprometidos con temáticas actuais: “Helen”, “Compañeiros de barrio”, “Corre, pallasa, corre”, son fiel reflexo da sociedade; teatro que deixa un sorriso e unha reflexión.
Idoia e Emilio abriron seus corazóns a numerosos artistas cos que compartiron esta andaina titiriteira, na que crearon circuítos, programacións, festivais, exposicións, cursos, dándolle pulo ao teatro de bonecos e creando lazos entre os creadores e o seu público.

—–


Galicreques 2018, Premio Galicreques 2018, Últimas edicións |