Cursos 2014: Talla y construcción de marionetas de varilla en madera

Imparte: Chris Geris, da compañía Plansjet (Bélxica)
Duración: 40 horas
Datas: do 29 de setembro ao 10 de outubro (de luns a venres)
Horario: de 16:00 h a 20:00 h
Lugar: Asociación ITACA (r/ Pombal, 18. 15706 Santiago de Compostela)
Prezo: 250 €
Prezo reducido(socios de UNIMA): 150 €
Número de participantes: 12


Taller sobre a marioneta tradicional tallada en madeira.
Neste taller os alumnos construirán unha marioneta de variña na cabeza, de 60 cm de altura, tallada en madeira, do tipo das que se usan en Bélxica, Chequia, Eslovaquia, Portugal e antigamente tamén en España.

Chris Geris é un xenio capaz de debuxar o rostro dun pirata, un amable ancián ou o mesmo demo sobre un anaco de madeira de tileiro. Perfila as súas mans, o corpo e os pés e isto é o que cada alumno participante no curso, guiado pola man do mestre, terá conseguido: a súa propia marioneta.

Chris Geris – Plansjet

Antes de exercer como tallista e monicrequeiro Chris Geris foi carpinteiro e sempre tivo a obsesión de “dar vida” ao seu traballo. “Aprendín a facer portas, escaleiras, cociñas, de todo, pero nada diso vive”, di o artista, que confesa ter encontrado a inspiración ao contemplar un violín e comprender que a madeira “mentres está viva” na natureza “non pode cantar”, pero que unha vez traballada si é capaz de facelo. “Hai un corazón na madeira”, explica, e a partir de aí podes facer unha frauta, unha guitarra ou un piano”.

A súa “paixón” por este material levouno á fabricación de instrumentos musicais, aos que sempre engadía “algunha ornamentación”. Confesa que a súa “obsesión por fixarse nas caras dos demais” o levaba a tallar rostros e cabezas nos instrumentos que construía. Nese momento descubriu as marionetas de fíos e comprendeu que era “o seguinte paso”. Geris comezou a fabricar as súas marionetas xunto á súa esposa, Mieke, de xeito autodidacta, e aprendeu “observando e visitando” museos e exposicións, onde podía “estudar como fixeran” outros o mesmo traballo. “Na miña familia non hai tradición de monicreques”, explica o artista, que resume a súa evolución creativa como unha “viaxe” dende “a carpintaría á música e de aí ao monicreque”.

O tallista defende a súa arte que cumpre, dixo, un importante “labor educativo”. Á hora de preparar as súas representacións, asegura que “o máis importante é o ritmo” e o “contacto coa terra”, algo que, segundo el, o traballo con monicreques posibilita dun “xeito especial”.


Cursos 2014, Galicreques 2014, Últimas edicións |