Galicreques 2020
Plastikus

Ondina vive xunto ás ondas do mar, onde elas rebentan e enchen de espuma a praia.
Durante moitos e moitos anos, apenas a espuma bañaba a area da praia. E era aí que Ondina brincaba coa espuma do mar.
Mais novos obxectos con sons, cores e formas extraordinarias xurdiron na súa vida e a Ondina gustáballe brincar con eles.
Parecían unha nova especie moi amigable e pouco a pouco foron introducíndose na súa vida e, canto máis se adentraban, máis os necesitaba. Ata que o PLASTIKUS volveuse absolutamente indispensable.
E así creceu, creceu, creceu na súa vida e Ondina rapidamente descubriu que xa ficaba por todos lados! Por todas partes o mesmo!
Laboratorio de Obxectos

Unha introdución ao teatro de obxectos. Un contacto coa poesía dos obxectos, coas realidades que ocorren no simultáneo da vida, a través da observación, o xogo con obxectos, monigotes e da (des)composición dos nosos imaxinarios.
Pode que xogar de adultas con xoguetes xa non soe tan divertido coma cando eramos cativas. E se servira para localizar un vieiro co que chegar a unha parte profunda de ti mesma/o? Ou para activar os teus dons creativos a través da construción de imaxes e historias?
Obradoiro de monicreques para nenos e nenas

Venres 16 de outubro, de 17:00 a 20:00 h Sábado 17 de outubro, de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h Domingo 18 de outubro, de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h IMPARTE: El Trastero de Lula https://www.instagram.com/eltrasterodelula/ Na Carpa da Alameda Prezo por neno/nena: 4€ (material incluído) Save […]
A viaxe de Saira

Montaxe escénica de ambientación medieval sobre o Camiño de Santiago desde Francia a Compostela na que se conta a historia de Saira, unha rapaza francesa que viaxa a Galicia para curar o corazón de pedra da súa familia. A viaxe faina xunto cunha gárgola máxica destinada á Catedral de Compostela. Unha viaxe que da comezo en Saint Jean Pied de Port e remata en Santiago, con lendas e personaxes propios do camiño e na que destaca o carácter que imprime Galicia dentro do mesmo: máscaras do entroido, danzas, gastronomía e música propias que viaxan por Europa ao longo da Historia.
Unha produción conxunta da Xanela do Maxín e a Fundación Galicia Sustentable co-financiada coa liña de Axudas de «O teu Xacobeo».
Alicia no país das marabillas

Fantástica recreación para marionetas baseada no relato de Lewis Carroll “Alice’s Adventures in Wonderland”.
Conducidos polo Coello Branco, seguiremos con expectación as aventuras da pequena Alicia nese mundo onírico e fantástico que late debaixo da terra.
Alí merendaremos coa Lebre de Marzo, o Sombreireiro Tolo e o Leirón. Xogaremos ao cricket coa Raíña de Corazóns e… coidado Alicia! estás a medrar de novo e caeremos todos polo chan!
Gaia Baba

O mundo perdeu a súa cor e volveuse gris. Os desfeitos, terribles criaturas, todo o reinan e todo o cobren.
Alguén queda, xunto á súa escoba pasa os seus días varrendo esa onda de desperdicios que sempre volve. Alguén queda, coa esperanza e o desexo de xerar un cambio. Gaia Baba, a última bruxa.
Os limpabotas. Nino & Mambrú

Nino & Mambrú, os irmáns limpabotas.
Vide ver aos últimos do seu gremio.
Vide ver a súa técnica fina, milenaria.
Vide ver e a ter á vosa mercé a estes dous servos dos zapatos do pobo.
Que o fagan ben ou mal, xa é outro cantar, pero vide.
Vide velos!
Velocíclopes (espectáculo itinerante)

Velocíclopes é un espectáculo conformado por varios sketchs, O propietario, Ser ou non ser e Os bos modais, onde a través da utilización dunha linguaxe plástica surrealista amósase o absurdo do comportamento humano en situacións propias da vida cotiá (a furia que aparece cando nos poñemos ao volante, o sentido da propiedade, a importancia de aparentar socialmente…)
O show de Barallocas

Gasas, cintas, cordas… calquera elemento cobra vida cando se cruza no camiño do estrambótico protagonista deste show.
As marionetas son creadas en escena por Barallocas, un persoeiro distraído que ve un helicóptero nunha corda ou nunha tea un bailarín máis alto ca el.
Unha sorte de sketchs de humor absurdo, que mesturando unha coidada manipulación de obxectos, máscaras e pantomima, trasládanos dende a selva a un gran ballet ruso nun pestanexo.
A abstracción de Barallocas non ten límite!
Teatro Dom Roberto

Teatro Don Roberto – historias que encantan hai máis de 300 anos. Unha tradición que chegou até nós vinda dos mestres monicrequeiros italianos no século XVII. O uso dunha palleta metálica para emitir as voces dos personaxes aínda hoxe é un misterio e un reclamo de público nesta arte. Estas peripecias son contadas á semellanza doutros tempos, cruzando moitas xeracións de público, traendo aínda hoxe alegría, interacción e entusiasmo a nenos dos 3 aos 103 anos.