|
EXPOSICIÓN DE TÍTERES CHINESES
As
creacións dos titiriteiros chineses gardan unha das
máis antigas e mellor conservadas
tradicións do teatro e ó mesmo tempo, asombran pola súa
minuciosidade e beleza. Tal vez por iso seguen atraendo
misteriosamente a todos os que caen baixo a súa mirada.
Así foi como lles
ocorreu a Jorge Rey e Carmen Domech
alá polo ano 1995, cando chegou ás súas mans o primeiro
títere chinés desta colección. Dende aquela, foron case dez anos
investigando e xuntando bonecos ata chegar ás case cincuenta pezas
que compoñen hoxe esta exposición. A cal se presenta por primeira
vez ó público, no marco do IX Festival Internacional de Títeres
Galicreques.
Esta mostra recolle
títeres, marionetas e sombras chinesas que ilustran
diferentes técnicas e xéneros do teatro oriental. A súa intención
é achegar ó público galego esta arte milenaria, conservada sen
dúbida grazas á enorme importancia deste tipo de representacións
no país e ó labor das grandes familias de titiriteiros.
Ó mesmo tempo pretende
ser unha fiestra aberta dende a que coñecer algo máis desta
distante cultura, a través dos personaxes que representan as súas
historias e entreteñen ás súas xentes dende tempos inmemoriais. |